23 de abril de 2013

Parabéns aos premiad@s !!!
Poñédevos en contacto con Miriam no 1º recreo do venres 26 de abril na conserxería

Categoría A:
 Alumnado de 1º, 2º  e 3º da ESO, EPA, ESA e PCPI

1º premio:
 DIARIO DE XOSÉ:
"Cando vivía debaixo dunha ponte atopei un par de mozas das que me fixen amigo. Fomos vivir todos á ponte. Contáronme que seus avós foran ricos, pero que só lles quedara unha trompeta, unha entrada de cinema que puña “12 de maio de calquera ano” e un monicreque. Hoxe era o día, así que fomos ao cinema máis próximo. Ao chegar, non serviu a entrada; entón sentamos ás agachadas na primeira fila, e cando nos ían descubrir, puxémoslle a trompeta ao monicreque, que cobrou vida!!! Tocouna e todo quedou conxelado no tempo; entón sentimos un gran desexo de entrar na película sendo así parte dos soños, parte do cinema.
Xosé."
Simón Rodríguez Teixeiro

2º premio:
Escoitamos os estoupidos, os sons dunha guerra entre dous exércitos. Unha guerra destinada a controlar un pobo que agora falecía baixo as bombas tras as que loitaban, as bombas baixo as que faleceran os nosos pais.
Miña irmá apertoume o brazo. Eu fiteina aos ollos, eses preciosos ollos azuis, e vin o seu medo. Medo á morte, o mesmo que eu tiña, aínda que temía máis perdela. As bombas seguían a caer, cada vez máis preto, e non podiamos fuxir. Estabamos atrapadas na nosa propia casa. Trememos ao escoitar o son dunha bomba moi preto e miña irmá abrazoume, a miña preciosa irmá. As dúas sabiamos que a seguinte caería aquí.
O último que vin foron os beizos da miña irmá xesticulando a palabra "quérote".
Paula Gregores Pereira 

Categoría B: Alumnado de 4º, Bacharelato e Ciclos 

1º premio: 
"Pasei a man pola varanda, estaba fría, coma el. Baixei as escaleiras lentamente e alí o vin. Os seus ollos azuis apagáranse e os seus beizos xa non volverían asubiar aquela alegre canción que tanto lle gustaba, o sangue xa non corría polas súas veas. Nunca lle quixen facer dano pero xa estaba farta do seu acoso, dos seus agarimos pegañentos e babosos. Cheguei onda el e puiden apreciar o orificio da bala no seu perfecto torso, xusto no corazón. Deixei caer a pistola a carón do inerte corpo, dirixinme cara ao camiño que leva ao río deixando un rastro de sangue detrás de min e asubiando unha alegre canción."
Laura Gonzalez Martinez

2º premio:
Castelo de area.
"Encontrara a formiga un gran castelo de area, e ao ver que ninguén o dirixía optou por gobernalo con man de ferro. No seu reinado pasaran unha, dúas e ata tres mareas pero na cuarta derrubouse o castelo e a formiga e o seu reino chegaron ó seu fin."
Samuel Cardoso Escudero

Ningún comentario: